A pasada semana, máis de 450 guionistas reuníronse en Logroño na IX edición do Encontro de Guionistas. Entre eles, varios socios e socias de AGAG participaron nas diferentes mesas de debate, charlas e masterclasses do Encontro de Guionistas celebrado en Logroño, unha cita xa consolidada como punto de encontro para profesionais da escritura audiovisual de todo o Estado.
Dedicado á figura de Rafael Azcona, o programa abordou cuestións como a IA, os novos formatos audiovisuais, as condicións laborais, o humor, os videoxogos ou os procesos creativos, destacando tamén o papel do asociacionismo no sector. Tamén foi o pistoletazo de saída de Unión de Guionistas, anteriormente coñecida como FAGA, e da que AGAG é membro.
Entre as actividades destacadas estivo a mesa de debate sobre as axudas á escritura de guión do ICAA, na que se realizou unha valoración da convocatoria de 2025, se expuxeron propostas de mellora e se avanzaron novidades sobre a convocatoria de 2026. Na mesa participaron Ángel Manzano (vicepresidente de AGAG), en representación da Unión de Guionistas; Natxo López, por ALMA; e Ana Pernia, por parte do ICAA.
O programa incluíu tamén a entrevista aos creadores de Pantomima Full, Rober Bodegas e Alberto Casado, moderada polo socio Nico Campos, así como a charla “4 linguas, 6 mans e 1 guión”, impartida por Lidia Fraga (socia de AGAG) e Mercè Sarrias.
Regresamos de Logroño aínda asimilando todo o vivido durante unha fin de semana intensa e inspiradora. Foi unha oportunidade magnífica para reunirnos, intercambiar ideas e celebrar o oficio da escrita audiovisual xunto a compañeiros e compañeiras de todo o país.
Queremos agradecer ao Encontro de Guionistas, a Unión de Guionistas, ALMA, DAMA e SGAE a organización dunha xornada tan enriquecedora, así como ao Concello de Logroño pola súa acollida.
Xa estamos pensando na próxima edición.
Viva o guión!
Viva Azcona!