As Titorías AGAG abren unha nova convocatoria para mulleres guionistas

A convocatoria estará aberta do 14 ao 18 de setembro e as participantes poderán presentar os seus proxectos nunha sesión one to one en Pontevedra

A Asociación Galega de Guionistas (AGAG) abre a convocatoria da sétima edición das Titorías AGAG, un programa de asesoramento creativo e profesional dirixido a mulleres guionistas que escriben en galego. A iniciativa, en colaboración coa Fundación SGAE, o Concello de Pontevedra e CIMA (Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales), consolídase como un espazo de acompañamento para o desenvolvemento de proxectos e para o impulso de novas voces femininas no audiovisual galego.

As titorías desenvolveranse durante varios meses e ofrecerán un seguimento personalizado a seis guionistas seleccionadas, que contarán co acompañamento de profesionais de ampla traxectoria no sector para traballar nos seus proxectos e avanzar tanto nos seus aspectos creativos como profesionais.

Tres categorías para impulsar diferentes formatos

Como novidade desta sétima edición, a categoría de programa de televisión diversifícase en non ficción aceptando tamén proxecto de documental. As candidaturas poderán presentarse nas categorías de:

  • Longametraxe

  • Serie

  • Non ficción: documental ou programa de televisión

Esta nova distribución pretende reflectir a diversidade de formatos e linguaxes presentes actualmente no audiovisual e ofrecer un acompañamento máis específico ás particularidades de cada proxecto.

A convocatoria está dirixida a mulleres maiores de idade que presenten proxectos inéditos, orixinais e escritos en galego, e que non conten con subvencións ou premios previos. Poderán participar tanto individualmente como en coautoría con outras mulleres.

O prazo de presentación de propostas estará aberto do 4 ao 18 de setembro de 2026, a través deste formulario

Un encontro one to one en Pontevedra

As autoras dos proxectos seleccionados terán tamén a oportunidade de participar nunha sesión one to one en Pontevedra, un espazo de encontro profesional no que poderán presentar e traballar os seus proxectos directamente con persoas vinculadas ao sector audiovisual.

Na selección teranse especialmente en conta a calidade e interese dos proxectos, así como a diversidade de perfís das participantes. Como en edicións anteriores, un mínimo do 50 % das seleccionadas serán mulleres sen experiencia laboral no eido do guión, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases e conten con vinculación acreditada ao sector audiovisual galego.

Ademais, grazas á colaboración entre AGAG e CIMA, as participantes terán acceso a unha actividade formativa especializada en guión organizada por CIMA durante o desenvolvemento das titorías.

Un programa que xa impulsou proxectos con percorrido

Desde a súa creación, as Titorías AGAG teñen contribuído ao desenvolvemento de proxectos que posteriormente atoparon oportunidades de formación, financiamento, produción e proxección nacional e internacional.

Entre os proxectos impulsados ao longo das diferentes edicións atópanse A illa da morte, de Paula Mariñas (Madrid PitchBox); As Augas, de Ledia Sola; Rúa Barcelona, de Ángela Andrada (LabGuion de Colombia); Shido, de Anita Pico (Torino Film Lab); Terás que saltar, de Irene Pin; ou Os reis imaxinarios, de Eire Cid.

Con esta sétima edición, AGAG reafirma o seu compromiso coa promoción e profesionalización das mulleres guionistas galegas, apostando por ofrecer acompañamento, formación e espazos de encontro que permitan que os proxectos escritos en galego poidan medrar e atopar novas oportunidades dentro e fóra de Galicia.

Co apoio da Fundación SGAE, o Concello de Pontevedra e CIMA (Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales).

BASES COMPLETAS

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

COMPARTE:

Más ACTIVIDAD

SGAE celebra a súa Asamblea Xeral o 23 de xuño

A Asemblea Xeral terá lugar de maneira presencial e telemática, de forma simultánea, no Palacio Neptuno de Madrid (rúa Cervantes, nº 42), ás 15:30 horas en primeira convocatoria ou ás 16:30 horas en segunda convocatoria (hora peninsular). Todas as persoas membros da SGAE poderán exercer o seu dereito ao voto.

La unión hace la fuerza

Escribir no es un privilegio, es un trabajo. Afiliarte es luchar por contratos dignos, derechos reales y respeto hacia la profesión. Sin guionistas, no hay historias. Sin Unión, no hay futuro.