O GAC SUMA MÁIS GUIONISTAS ANO TRAS ANO

O sábado 28 de marzo celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria de Socios e Socias de GAC na sede de DAMA de Barcelona para facer un balance das accións de 2025 e expoñer as liñas a seguir de cara ao 2026.

O sábado 28 de marzo celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria de Socios e Socias de GAC na sede de DAMA de Barcelona para facer un balance das accións de 2025 e expoñer as liñas a seguir de cara ao 2026.

Este ano, destacouse o incremento no número de asociados de 2025, con 133 novas incorporacións e só 25 baixas, aumentando notablemente o número de socios respecto a 2024. Actualmente, GAC conta cun total de 469 socios inscritos. Dado que o aumento se deu sobre todo no perfil de Socios Adheridos, o presidente de GAC Marçal Cebrian quixo puntualizar que “hai que conseguir que toda esta xente atope un lugar dentro da industria”.

Como novidade, estase implementando un protocolo para a detección e abordaxe do acoso na contorna da asociación. A coordinadora de GAC, Shakira Bagan, sinalou que “desde o GAC farase a prevención e detección. Se se produce algún caso, faremos a recepción e derivaremos a abordaxe ao Departamento Contra as Violencias no Sector Audiovisual de Cataluña”.

Tamén se expuxo o cambio de nome de FAGA por Unión de Guionistas a través do seu Director Xeral e socio de GAC, Rodolf Giner, que argumentou que o novo nome servirá “para que todo o mundo se sinta máis representado e reforce a idea de sindicalismo, posto que somos a unión de sindicatos e asociacións de guionistas”. GAC forma parte de FAGA, que desde 2007 inclúe a EDAV (País Valenciano), AGAG (Galicia), GIDOI (Euskadi), desde 2021 a PREMISA (Canarias) e máis recentemente a CINA (Andalucía).

Tamén houbo unha nova incorporación no equipo técnico da asociación con Naomi Lladó como adxunta á figura de Coordinación.

ACTUALIDADE DE GAC

O aumento de socios tamén comportou un aumento no volume de traballo da asesoría xurídica de GAC, a cargo do avogado Ignacio Monter, que atendeu durante todo o ano consultas no ámbito do guión e cuestións legais da asociación. En 2025 resolvéronse 249 expedientes de 123 membros. “Hai unha tendencia a volver ás longametraxes de ficción e aos documentais, diminuíron as series e os biopics e hai moitos contratos de reescritura, así como problemas de coautoría e recuperación de dereitos”, comentaba Monter, que en 2025 pasou a formar parte do persoal do GAC.

Este 2025 tamén se mantivo o contacto con ICEC para traballar na dotación pública de recursos económicos para guionistas. En canto á terceira edición das Bolsas GAC á Escritura de Tratamentos, recibíronse 234 proxectos e xestionáronse 29 axudas de 8.500 € cada unha.

Tamén xurdiu a oportunidade de xestionar de primeira man as Bolsas Barcelona Crea ‘25, unha iniciativa de ICUB para apoiar os procesos previos á produción que acompañan a creación de propostas artísticas. Recibíronse un total de 405 proxectos e outorgáronse 5 bolsas de 6.000€ cada unha.

O XII Pitching Forum de Longametraxes facilitou o encontro entre creadores e produtores no marco do festival de cine independente La Alternativa. Nesta décimo segunda edición, recibíronse 57 proxectos, dos cales se seleccionaron 7.

En 2025 continuou o servizo de Apoio á Venda de Proxectos, activo grazas ao apoio de ICEC desde finais de 2021. Trátase dun sistema de titorías entre socias e socios do GAC destinado a crear unha rede de relacións profesionais, a compartir coñecementos e a facer un esforzo en común para sacar adiante longametraxes, series e formatos televisivos. Nesta 7ª convocatoria, recibíronse 41 proxectos, e 11 superaron a valoración e pasaron a programas de mentoría. Sergi Portabella, vicepresidente do GAC, destacou que “quérese manter o servizo aberto todo o ano polo interese que esperta entre guionistas.”

Así mesmo, quíxose manter un compromiso máis forte que nunca co apoio á escritura de guións, e continuáronse as achegas ás principais residencias de guión de Cataluña: a 4.ª Residencia de Guións da Academia do Cine Catalán, e a 4.ª edición de Serielizados Kick.

Tamén se organizaron varias charlas e masterclasses para seguir ofrecendo formacións útiles aos membros da asociación, como o “Taller de análise de guión” coa socia Gemma Pascual, a masterclass “Introdución crítica e ética á IA” con Henriette Steenstrup, a masterclass “Ficcións sonoras de ciencia ficción” con Julio Rojas ou as conversas cos nomeados e gañadores do Premio Gaudí de guión organizadas xunto á Academia do Cine Catalán.

Unha das novas propostas do GAC este ano 2025 foi o proxecto GAC vai ao Cine, un novo ciclo de actividades dentro do cal se organizan proxeccións e charlas sobre o proceso de creación coas socias e socios guionistas que estrearan unha produción recentemente. En total, en 2025 organizáronse 4 proxeccións e coloquios diferentes: “La Furia”, “Molt lluny”, “La furgo” e “Mi amiga Eva”.

Por último, organizouse a Festa Anual de GAC e a 5.ª edición do Máster en Escritura de Guión Audiovisual xuntamente coa UB e a UdL.

COMPARTE:

Más ACTIVIDAD

Gañadoras e gañadores socixs de AGAG nos XXIV Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual vestíase de gala a pasada noite para celebrar a XXIV edición dos Premios Mestre Mateo, unha cita xa consolidada como referente do sector audiovisual galego. A cerimonia reuniu profesionais da industria para recoñecer os mellores traballos do último ano, nun ambiente marcado pola emoción e o orgullo polo talento autótono. Aproveitar tamén para destacar, que o guión da gala correu a cargo do noso socio Óscar Cruz.

La unión hace la fuerza

Escribir no es un privilegio, es un trabajo. Afiliarte es luchar por contratos dignos, derechos reales y respeto hacia la profesión. Sin guionistas, no hay historias. Sin Unión, no hay futuro.